De rosas e fascismos, de xustiza e sociedade.

A rosa é un símbolo da humanidade. A rosa xa abrollaba ceibe nos xardíns pendurados de Babilonia. Como un espello dos temperamentos humanos, das afeccións humanas.

Na literatura hai moitas rosas famosas. Dende a rosa de cen follas de Ramón Cabanillas ata a rosa de Borges. Dende a rosa de Celan ata a rosa de Oscar Wilde. E tamén gardamos na nosa memoria a rosa de Valle-Inclán e a de Lorca e a de Alberti; e aqueloutra da que falaba Rivas, e que realmente non era de Rivas, senón de Yeats.

Pero eu hoxe non quero falar desas rosas, quero falar dunha roseira. A roseira do pazo de xustiza. Nun lateral do edificio dos xulgados en Ourense naceu, hai un tempo, unha roseira. Como metáfora espléndida do tempo que vivimos, da súa banalidade e da súa confusión.

Tamén nos tribunais un ten ás veces esa sensación, que ninguén repara na xustiza, que isto é apenas un conto de nenos. Que uns confunden xustiza con vinganza, e que outros actúan como se o dereito fose un instrumento dos poderosos, actuando ao seu capricho. Que demasiados pretenden convertir un proceso xudicial nun escaparate onde satisfacer os seus delirios de grandeza; e que todos os medios actúan como se todo fose un circo, no que a Garda Civil xulga, no que o Xuíz instrutor xulga, no que os espectadores xulgan, sen saber que son outros nunha democracia os que deben xulgar.

Malia todo, a vida imponse e esa roseira en Ourense seguirá medrando e as xeracións que cheguen de seguro que non consentirán as miserias que estamos padecendo.

A cacicada da Deputación e as depuradoras e a Comisión antifraude europea poden agardar. Pero o que non debe agardar é a tarefa de loitar contra ese fascismo de salón que se está instalando na nosa sociedade. Perigosamente.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s