Estou contento. Hoxe, posiblemente, esteamos a celebrar as futuras Olimpíadas de Madrid 2020 e como todo o mundo sabe, isto vai mudar moito o noso futuro e o dunha provincia como a de Ourense, que é o centro das grandes preocupacións do país.
De feito, agora que Madrid prevé uns investimentos de 1.500 millóns de euros, aos que hai que engadir os 6.500 que xa investiron, de seguro que viviremos mellor, e rematarán o tren coa capital do reino, e ata lle porán un bo sistema de frenado, o ERTMS, o que ten o AVE e o metro de Madrid. Para o 2020 iremos a ver as Olimpiadas non a capital do reino, senón a capital da República. E a este paso, ata poida que haxa un presidente dos Peares. Quen o sabe?
Por iso en Ourense, temos que encarar o futuro con optimismo. Este ano queimáronse 4.000 hectáreas de monte na provincia que son como corenta quilómetros cadrados, que é tremendo. Para a 2020, si seguimos este ritmo a provincia será un deserto, e que mellor atracción para os miles de turistas que veñan as Olimpiadas de Madrid. E ata podíamos facer un tipo Eurovegas para asegurar a viabilidade da provincia. Seguro que a Deputación xa está traballando no proxecto.
Ademais así, en lugar de facer dimitir o delegado de goberno en Galicia e ao Subdelegado en Ourense por incompetentes e por pensar que o problema do lume se amaña sen facer nada, podíamos darlle algunha medalla como recoñecemento. Pero non olímpica, iso si.
Por iso estou feliz, porque a min alégrame o de Madrid 2020, como me alegra que os rectores das universidades animen a xente a apadriñar un estudante. Para que van a renunciar a ter chofer e coche oficial, para que haxa máis diñeiro para estudar? Si coas Olimpiadas non vai nin a facer falla.