Borat e o futuro de Ourense, Distrito Federal.

574863_545913418774590_748002308_n_zpsc0bfec89

Ourense é unha das cidades máis importantes do mundo. Iso está claro, pero sempre que tomemos como referencia a propia provincia de Ourense. Dende logo, Regueiro Fozado ou Vilar de Porcos, quero dicir, Vilar de Flores, non son máis importantes.

A pesar de todo, cando calquera dos nosos políticos sae un pouquiño máis alá de Allariz ou de Ribadavia, segundo cara a donde vaia, descobre sorprendido que fora da nosa provincia somos absolutamente descoñecidos. Máis aínda, non coñecen nin a nosa riqueza termal, nin o Santo Cristo, nin o Barbaña. Que estraño. Se nas rutas mundiais do turismo atopamos que New York é o centro do mundo, Madrid é cidade do relaxing cup of café con leche e Ourense é, Ourense é a cidade das Burgas. The city of Burgas, que soa mellor.

Por iso é fundamental que se fagan viaxes co diñeiro de todos para manternos no primeiro nivel internacional, e para o improbable caso de que non saiban quen somos, darnos a coñecer. E teño a certeza de que un só contacto xa xustificaría a viaxe institucional, a México por exemplo. Algo así dicía o personaxe de Borat, a mítica película de Sacha Cohen, cando marchaba do fermoso e descoñecido país de Kazakhstan.

Digo máis, deberiamos encargar a Deputación un plan de acción coordinado para que cada mes, fose un representante político a unha cidade e a un país onde non nos coñezan. Empezando pola A, Albania sería un bo destino para, por exemplo, que o alcalde de turno venda riqueza termal e para poñer en valor proxectos novidosos como o hotel das Burgas, que xa temos visto en tantas recreacións virtuais. Ata rematar pola Z, de Zimbabwe, onde tamén poderíamos buscar colaboracións para proxectos xa consolidados en Ourense como o Festival de Cine, o mellor da provincia, ou o AVE.

E que nos toman por parvos.

Advertisements