A vida dura do político ourensán

foto_ourense1

Un non se mete en política para traballar. Non sería xusto. Nin tampouco para estar dando contas permanentemente, como se a finalidade do servidor público fose servir os demais. Para iso están os hippies, e algúns máis por aí.

Un métese en política para cotizar os últimos anos e cobrar a pensión máxima da seguridade social. Ou, se cadra, para traballar menos e gañar máis e, de cando en vez, recibir algún agasallo, comer gratis, beber a conta do erario público paseándose pola cidade como un pavo ou unha pava, aquí non hai diferencia de xénero, real. Só hai que poñerse na rúa do Paseo ou en Santo Domingo e velos pasar.

Pero non todo o mundo actúa movido por estas razóns. Outros fano movidos por outras. Por vaidade, para ir ás festas, para que te recoñezan nos sitios. E tamén por amor á familia e por lealdade. Que menos que enchufar a pais, fillos, xenros e demais fauna no Concello ou na Deputación de turno e, normal, aproveitar a adxudicación que estea libre no momento.

Para eles, o de menos son os problemas da xente. As traxedias dunha sociedade que vive orfa de referentes, que está arruinada por eses que aínda non senten a debida vergoña. Por iso os debates que estamos contemplando indignan tanto. Porque só saben contemplarse a si mesmos, como aquel personaxe mitoloxico, Narciso.

Porque coa súa conduta, non deixan de confirmar aquilo do que falaba Carlo Maria Cipolla, sobre as leis da estupidez humana. O día menos pensado, escoitaremos un comunicado dun político laiándose polo seu duro traballo e porque alguén lle pediu contas.

Pero teñamos paciencia, cando uns e outros deixen a política, aprenderán, como aprendeu Narciso de Némese, a deusa de venganza, que é moito máis difícil ser cidadán.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s