Galileo era un tipo serio. Investigou toda a súa vida e tiña moi claro que aquilo que decía Copérnico era verdade: os planetas xiran ao redor do sol. Había que ser moi parvos para pensar que o universo xiraba ao redor da terra. Moi parvos, moi vaidosos, ou dedicarse á política.
Acontece que, como Galileo era un tipo serio, cando aquel 30 de abril que para máis señas caía tamén a martes, como o desta semana, pero de 1633, indicáronlle que, ou ben renunciaba ás teorías heliocéntricas, ou que sería torturado ata morrer, el, un tipo serio, decidiu renunciar. E así, o cardenal italiano que xa queimara a Giordano Bruno por defender cousas parecidas, quedou coas ganas.
Din algúns historiadores que despois desa razoable confesión, Galileo moi baixiño, así como de esgello, díxolle ao tribunal, eppur, si muove. Ou sexa que si, que podedes dicir o que queirades, pero a terra móvese.
Así tamén estes días vendo nesta política nosa tanta mediocridade, vendo como uns explican que é normal usar o diñeiro público para comprar ron ou xenebra, que todo é legal e que poden facer o que lles pete coa pasta, ata deixarlle, case catro millóns de pesetas ao, curiosamente, xefe da recaudación do Concello, a min danme ganas de dicir o mesmo. Que digo eu, como se enteren os máis de trinta e dous mil parados da provincia que son tan xenerosos prestatarios, ao PSOE non lle vai quedar diñeiro para copas.
E despois de ver que uns e outros se preocupan de parvadas no Concello ou na Deputación, e con iso de que gañan soldos e dietas xogando á política fora da realidade, a min danme ganas de dicir, tamén de esgello, o que dicía Galileo.
Estes mamarrachos, todos, ratifican aquel verdade que cantaba Javier Krahe: Me gustas Democracia porque estás como ausente, con tu disfraz parlamentario…
(Publicado en La Voz de Galicia – 4 de maio de 2013)